Cartas de inverno

De Wiki Aller
Revisión feita o 12 de outubro de 2011 ás 18:06 por Paio (Conversa | contribucións) (Nova páxina: "''Cartas de inverno'' é un libro de '''Agustín Fernández Paz''' publicado en 1995 por Edicións Xerais. En 2007 saíu do prelo a 23ª edición. Tareixa Louzao recibe un voluminoso...")
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Cartas de inverno é un libro de Agustín Fernández Paz publicado en 1995 por Edicións Xerais. En 2007 saíu do prelo a 23ª edición. Tareixa Louzao recibe un voluminoso sobre remitido polo seu irmán Xabier desde un, para ela, descoñecido lugar: Doroña (Vilamaior). No interior inclúense unha carta e outro sobre máis pequeno coa lapela de cerre reforzada por unha fita adhesiva. Na carta, Xabier indícalle á súa irmá que non abra o sobre fechado e que, se antes dunha semana non volve recibir outra misiva súa, llo entregue ó Inspector Soutullo da Comisaría de Vigo. Pero Tareixa non pode resistir a tentación e abre o sobre. No seu interior aparecen unhas cartas que lle foran remitidas a Xabier polo seu amigo o pintor Adrián Louzao, e que el tardará tempo en recibir por mor dunha longa estadía en Quebec. No epistolario Adrián fala dos estraños sucesos que está a vivir relacionados coa súa nova casa, e pídelle axuda ó seu amigo. A narración iníciase cun narrador omnisciente falando da irmá de Xabier. Despois vai o texto da carta do propio Xabier, e logo as cartas de Adrián. Séguelle outro texto de Xabier, a narración en primeira persoa da irmá, e finalmente remata o narrador omnisciente. O texto inclúe elementos da novela de terror do estilo de Edgar Allan Poe ou H.P. Lovecraft (ao que fai mención explícita), coma casas antigas encantadas ou seres estraños. Tamén inclúe elementos propios da cultura galega: ademais de falar da arquitectura románica, do castelo de Andrade e de petróglifos, fala de mitos coma a Santa Compaña.