O derradeiro libro de Emma Olsen
Sinopse
Berta Dávila emprega unha 1ª persoa central. Unha narradora que nos conta, de xeito autobiográfico, a súa infancia e adolescencia na localidade de Faith. Afectada por unha enfermidade terminal, a protagonista decide voltar á súa cidade natal para dedicar o tempo que lle queda a escribir unha última novela na que narra os anos máis importantes da súa vida. A obra amósanos unha gran cantidade de personaxes, aínda que cabe destacar dous protagonistas principais: Emma Olsen, personaxe que escribe a autobiografía, unha escritora recoñecida que ve truncada a súa carreira a causa do cancro, e que podería ser definida coma unha persoa reflexiva e mesmo solitaria (consideraba a soidade como a verdadeira vocación do escritor); e Clarissa, a personaxe máis importante na vida de Emma, descríbese como a vertixe, como o prohibido, sempre procurando ser diferente ao que os demais agardaban dela, semellando unha bomba que en calquera momento podería estourar. Entre as vidas destas dúas personaxes existe unha relación de espello, posto que eran vidas idénticas pero ao revés, todo o que lle faltara a unha formaba parte do que a outra posuía. Tamén son relevantes na historia outros personaxes secundarios: a familia Olsen e a familia Logan; Bill, co que Emma está a piques de casar, ata que na mesma mañá da voda o descobren morto xunto con Clarissa na lagoa; Susan, compañeira sentimental de Emma durante máis dunha década; John, o seu marido; Linda, a súa filla que a acompaña no regreso a Faith; e o profesor Montana, a quen Emma axuda a ordenar a súa biblioteca e desta maneira a moza descobre o mundo da literatura, que será a súa futura profesión. Na obra podemos destacar a alusión a diversos escritores como Anne Sexton e Oscar Wilde, e a mención de cantantes moi recoñecibles, como Connie Francis e Loretta Lynn. A historia desenvólvense dun xeito lineal, aínda que ás veces o narrador realiza pequenos saltos a outros anos pouco relevantes na historia, nun espazo xeograficamente real, socioloxicamente urbano, e móbil: a pequena cidade de Faith e os arredores desta (a lagoa, as vías do ferrocarril abandonado...), no estado de Dakota do Sur. Canto a estruturación accional, esta é un monólogo na que a protagonista fala sobre a súa infancia e adolescencia na cidade de Faith, falando á súa vez das persoas máis importantes da súa vida. Tamén podemos salientar a presenza de digresións, xa que a autora introduce numerosos cambios de tema que distan do central. E todo isto dentro dunha expresión na que predomina a narración polo uso de substantivos, aínda que podemos atopar exemplos de descrición cando a autora introduce algún dos xeitos de matarse nos que pensaban Emma e Clarissa. Hai unha actitude intimista, pois o narrador dota a obra de subxectividade expresando os seus sentimentos e opinións. Obsérvase, igualmente, o uso con preferencia de oracións compostas que lle dan ao texto un ritmo lento. Salientar, por último, que a argumentación textual está reforzada co uso de artificios literarios do nivel semántico como a metáfora, xa que Emma fai referencia a Clarissa como unha bomba que en calquera momento podería estourar; ou o símil, pois compara a vida das dúas rapazas cun espello; entre outros. En conclusión, a autora, Berta Dávila, móstranos unha obra na que, cun gran realismo, describe a vida dunha escritora irreal facendo referencia ás súas ficticias obras, e que nos é presentado dun xeito sinxelo, aspecto este que corrobora o léxico escollido e o estilo directo.
Comentario argumentativo
“O derradeiro libro de Emma Olsen”, novela na que Berta Dávila constrúe, dun xeito asombroso, a autobiografía dunha escritora inventada, na que cabe destacar a gran cantidade e calidade de detalles cos que desenvolve a historia, por exemplo, mediante a introdución das tamén ficticias obras de dita escritora acompañadas dun pequeno resumo, chegando ata un punto no que o lector comeza a dubidar sobre a existencia de Emma Olsen. Que farías se non che quedase nada de vida? Complicada pregunta que todos nos fixemos algunha vez e a través da cal se desenvolve a trama deste libro. Emma decide volver á súa cidade natal co único empeño de concluír un libro antes de morrer. O lector debe entender que non está ante unha novela corrente, senón ante unhas memorias urxentes nas que Emma Olsen redacta a historia que non quixo deixar sen contar, sendo o seu único desexo legar a verdade sobre quen é en realidade. A pregunta mencionada anteriormente resulta moi utilizada na literatura, mesmo na literatura dezá podemos atopar obras baseadas nela, como na novela “O cabo do mundo” de Xabier Quiroga. Outro detalle a mencionar da novela é a situación da filla (Linda), ignorante da inminente morte da nai e da parte da vida máis importante desta. Este é, sen dúbida ningunha, un dos maiores dramas da novela, que unha filla teña que descubrir a través dun libro quen era de verdade a súa nai cando esta xa estea morta, e que desta maneira descubra que nunca lle contou a historia entre Clarissa e ela, e que nunca se mostrou abertamente como era. En conclusión, semella unha obra moi interesante e entretida ata o final, que engancha o lector e en ningún momento permite que este se aborreza. Lamentablemente Emma Olsen é só unha personaxe de ficción, polo que non podemos ler as súas obras mencionadas a rodapé, algunhas delas (Dream Grass, Homes de palabra...) moi suxestivas.